Saturday 04 de May de 2024

Rueda reivindica a figura de María Antonia Dans como unha das creadoras máis singulares da historia recente de Galicia


O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, salientou hoxe a gran riqueza cultural coa que conta o rural galego e puxo á pintora María Antonia Dans como exemplo ao constatar unha das creadoras máis singulares da historia recente de Galicia. “Polo que supón no panorama artístico en Galicia, por toda a súa obra pictórica, por todo o que representou… Dans manda, como fan os grandes artistas, mensaxes a través da súa obra”, indicou.

Así se referiu o titular do Goberno en funcións, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, durante unha visita oficial á Casa-Museo dedicada á artista en Curtis. Trátase, segundo apuntou Rueda, dunha “idea de xustiza” para poñer en valor esta casa restaurada na súa memoria. “Unha artista galega que ten agora e para sempre un recordo en Curtis para que a recordemos, a saibamos interpretar mellor e dala a coñecer aínda máis do que xa o é”, apuntou.

O inmoble, que formou parte da infancia e xuventude da creadora, rehabilitouse, recuperouse e musealizouse para aglutinar todo o patrimonio material e inmaterial de Dans e dalo a coñecer. Un proxecto que foi posible grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello, mediante o cal a Goberno Galego aportou o 56% do investimento (250.000).

Neste sentido, o Executivo autonómico continúa a súa aposta pola descentralización da actividade cultural, así como pola preservación e protección do legado cultural dos autores e autoras galegas e a modernización das infraestruturas culturais a través de iniciativas como o Plan Xeración Cultura.